CUNTIS

Sitúase Cuntis ao norte da provincia de Pontevedra (Galiza), nun espazo regado polos ríos Umia e Gallo así como protexido polas elevacións montañosas do Castro Sebil, Xesteiras e Arcos. Limita coa Estrada, Valga, Caldas de Reis, Campo Lameiro e Moraña. O núcleo urbano, localizado na vila do Baño, conserva varias fontes mineiro-mediciñais que, dende sempre, foron explotadas para o uso terapéutico ou pola senté do común no servizo de lavandería (velaí os lavadoiros que conserva ao carón da fonte denominada “Fogo de Deus”). Xa incluso dende a época do imperio romano, cando este lugar comeza a se configurar como unha verdadeira vila, aproveitouse esta riqueza natural, á que se lle rendería incluso culto como o denotan os testemuños arqueolóxicos da cultura flavia (restos de instalacións balnearias, aras dedicadas ás ninfas ou a outra divindade, tégulas, ánforas,...). eran séculos no que Cuntis, pola súa riqueza mineira, se dicía chamar, segundo parece, Aquae Calidae.

            Ademais na contorna e a nivel arqueolóxico, Cuntis da mostras dun pasado activamente poboado, dende a época megalítica (contando cun bo número de mámoas), ata a Idade do Ferro (preto duhna ducia de castros, como o de Castrolandín, A Aurela ou Laxos),  pasando pola Idade de Bronce. Deste último tempo existen non poucos conxuntos inscultóricos onde as imperantes combinacións circulares (Cartas da Forra, Outeiro de Moucho, Outeiro das Campás, Moreiras, Campiños,...) manifestánse minguadas pola arte dos paneis rupestres do Outeiro do Forno da Tella, onde apreciamos varias agrupacións de cérvidos en actitudes cotiza e servindo de bo exemplo do que son os gravados rupestres da área galaico-atlántica.

            De épocas posteriores persisten recordos históricos das antigas comunidades relixiosas de S. Miguel de Couselo, S. Breixo e S. Martiño de Arcos de Furcos, Sta. María de Termis (localizada no predio da actual igrexa parroquial) e S. Xiao de Caldas de Cuntis; familias monásticas medievais das que arestora só permanecen algúns restos e limitados datos documentais. Tamén do medievo  quedaron referencias de antigas fortificacións asentadas en lugares á beira do río Umia, como aquel Catelo de Sebil que xa existía polo S. XIV e que gardou unha biografía sumamente relacionada co señorío da freguesía de Sta. María de Cequeril.

            Abrindo as portas que nos recordan a Idade Moderna, Cuntis posúe bastantes edificacións de interese histórico-artístico como a reitoral de S. Fins de Estacas (onde murallas, pombal e exuberante hórreo achegan unha fermosísima estampa de etnografía popular). Característica tamén é a reitoral  de Sta. María de Troáns, edificio de enormes chemineas e que ten máis de construción señorial ca de morada eclesiástica (aínda que os cregos, xa se sabe, situábanse nun estatus social privilexiado). En Cequeril batemos coa Casa gande da Eira, predio de fidalgos da liñaxe dos Barros-Alemparte e berce de Francisco de Ruza (“disque Cardeal da Corte de Roma”). De volta no núcleo vilego, fechendosa énos  a casa chamado do “Hospitaliño”, antigo fogar fidalgo no que viviu e morreu D. Xosé Vicente de Castro Lira, Deputado polo 1812 nas Cortes de Cádiz. Non moi afastada de aquela, nos xardíns públicos da “Horta do Cura”, áchase  unha curiosa labra heráldica onde se contemplan os heraldos característicos da Inquisición, e que están vinculados a aquel D. Xoán  da Fonte que foi escribán de Baños de Cuntis así como familiar e notario do Santo Oficio (aló polo 1666).

            Interesante tamén é o percorrido polas rúas da vila, as cales conflúen en prazas con encanto, como a das Árbores (antano a “Horta das Señoritas”), a de Galiza e a do Ferrol. Aquí nestes recintos podemos deter o noso ollar para analizar as características das antigas vivendas, herejiítas con variosa sobrados, e decoradas con elementos propios da arquitectura tradicional galega: balcóns, galerías, portas de aire, curiosas bufardas,...

            Entre os personaxes ilustres de Cuntis  destacan as figuras dos escritores Roberto Blanco Torres (homenaxeado coas “Letras Galegas “ de 1999), Xoán Xesús González, María Antonia de Xesús, Filipe Ruza (Gobernador e Conservador de Cáceres), Olimpio Arca Caldas;  así como nas artes plásticas fixérono os seus abondosos  e reputados canteiros ao igual que agora o fan escultores Maxín Picallo e Elisardo Pego. Tempo atrás tamen foi un exponente na creatividade artística coa madeira e a pedra , tanto en Galiza como incluso en México, o tamén  cuntiense Uxío Souto.

            Temos ante nós, por conseguinte, un rico patrimonio artístico e unh aimportante historia: balcóns de esperanza que miran cara a un pleno rescate, por todos e para todos.

 

            Héitor Picallo Fuentes